Máis de 30 empresas traballan xuntas pola dinamización turística no III Workshop do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Máis de 30 empresas traballan xuntas pola dinamización turística no III Workshop do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

As instalacións da cervexeira Trisk-Ale, no Porto do Molle de Nigrán, acolleron un novo encontro para fomentar sinerxías coas que crear novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino

“No Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño entendemos que a unión fai a forza. Por iso para nós a palabra clave é a cooperación e sabemos que en turismo debemos ir da man e colaborar para ser máis eficientes e efectivos nas nosas promocións, aproveitando fortalezas e minimizando debilidades”. Así explicaba o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González, a finalidade dos workshops postos en marcha pola Ría de Vigo e Baixo Miño, que este luns celebraba a súa terceira edición nas instalacións da cervexeira Trisk-Ale, no Porto do Molle.

Unha cita que volveu congregar a máis de 30 empresas de diferentes sectores dos 14 concellos do xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) e doutros puntos da provincia para facilitar unha primeira toma de contacto entre entidades e favorecer a creación de sinerxías de presente e de futuro que dean lugar a novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino. “Queremos axudar a poñer en marcha iniciativas de calidade, innovadoras, seguras e sostibles que incidan no compoñente experimental para achegar un plus de valor ás persoas que nos visitan. E para acadar este fin temos que por en mans das empresas as ferramentas necesarias que lles permitan crear e comercializar produtos e servizos baseados nos nosos recursos, como poden ser estes encontros”, salientou González.

Unha aposta por poñer en contacto ás empresas que quixo gabar a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, que resaltou o importante músculo turístico do territorio e da provincia. “Temos que poñer en valor ás nosas e nosos produtores, porque sen eles o sector turístico nin existiría nin tería razón de ser. Só así poderemos seguir avanzando e seguir facendo da provincia un referente en turismo de calidade para toda España”, recalcou.

Pola súa banda o xefe da área provincial de Pontevedra de Turismo de Galicia, Felipe Ferrero, resaltou que “workshops como o que estamos a celebrar hoxe son unha iniciativa fundamental para que todos os sectores se comuniquen e complementen para potenciar o turismo no territorio”.

Nesta ocasión, tras a recepción institucional, as empresas participantes puideron coñecer dous novos casos de éxito e boas prácticas no eido turístico. Así, Nacho Crespo, da Quinta de San Amaro, en Meaño, contou a historia deste hotel e restaurante con encanto que chegou a montar neste recuncho de Galicia tras vender a súa empresa e a súa casa en Madrid. Xa con 15 anos de vida, Crespo resaltou o éxito que a quinta tivo dende un principio, “o que fai que ás veces te asustes e cometas moitos erros”. “Pero fomos quen de adaptarnos á realidade e ás circunstancias, a reinventarnos coa crise do 2012 mirando cara ao estranxeiro e potenciando a nosa internacionalización, algo que fixo que aínda hoxe en día o 60% da nosa clientela sexa de fóra de España”, explicou ás e aos asistentes. Para Crespo “o reto do turismo é manterse con constancia, intentando levar unha liña moi persoal, cun criterio propio que che permita ata equivocarte”. Destacou tamén a integración na comunidade da vila e a aposta polos provedores locais. “Estar onde estamos fixo que sexamos un produto máis auténtico e sostible”, aseverou.

Pola súa parte, Pablo Mariño contou o nacemento e evolución de Bluscus, a primeira axencia de viaxes especializada en turismo mariñeiro de Galicia, agora xa convertido en operador turístico. “Criamos que a nosa comunidade tiña moito potencial en todo o relacionado co mar e cos nosos ríos, por iso apostamos por facer vivir á nosa clientela experiencias distintas vinculadas aos produtos e produtores locais. Queriamos vivir o mar coa xente do mar”, explicou durante o encontro.

Como é habitual nestes encontros, tras as presentacións leváronse a cabo unha serie de reunións rápidas coas que establecer os primeiros contactos comerciais con outras empresas dentro dun evento dinámico e áxil co que fomentar colaboracións e sinerxías. Para rematar deuse paso a unha degustación de produtos do territorio que contou coa especial colaboración da propia Trisk-Ale e das empresas locais Calabizo e ChupiPostres.



X