O Porriño

A palabra patrimonio vai unida ao nome do Porriño. Ao rico patrimonio etnolóxico súmase o bibliográfico e documental, recollido nos libros das súas parroquias; o arqueolóxico, coa importancia e a cantidade de restos conservados no xacemento paleolítico de Budiño; ou mesmo o industrial, que tan ben representa a antiga fábrica de curtidos da Guía. Aínda que, sen dúbida, o que destaca por riba de todos é o patrimonio arquitectónico.

No teu paseo polo Porriño atoparás igrexas e capelas de orixe medieval, con espléndidos pazos ou todo un conxunto de obras deseñadas polo arquitecto Antonio Palacios, que deixou na Casa Consistorial a súa maior pegada. Só coñecerás a localidade se te deixas levar polo seu patrimonio natural e paisaxístico, que brilla de forma especial no monte Castelo de Cans ou na ruta dos Penedos, que pon en valor as formacións graníticas e as vistas panorámicas do municipio.

Déixate seducir polas súas rutas de sendeirismo e os seus espazos naturais, ou por un tramo do Camiño de Santiago, e goza do importante valor natural das Gándaras de Budiño  formadas por lagos, regatos e mesmo o propio río Louro nun terreo de fauna e flora excepcional. Coñecer os seus muíños de auga e os seus hórreos tamén é imprescindible para embeberse do espírito porriñés.

Acompáñasnos?

Máis información

X