Fornelos de Montes

Fornelos de Montes sorprenderache pola súa gran riqueza natural, onde os grandes protagonistas son a serra do Suído e os ríos que descenden nacidos a máis de mil metros, deixando impresionantes praias fluviais e fermosas fervenzas ao seu paso. E é que o verde das súas terras é un dos maiores atractivos turísticos da localidade, con gran variedade de rutas que te levan por paraxes case máxicas, poboados de carballos centenarios e castiñeiros da fauna máis emblemática.

Déixate conquistar tamén polo seu patrimonio histórico, artístico e etnográfico, cos xacementos castrexos do Monte da Cidade, os restos de gravados rupestres do Coto do Galo, os petróglifos de Xampardiño, a mámoa de Borraxeiros ou os restos arqueolóxicos do monte Castrove. E baixo as súas terras, na parroquia de Vilán, agóchase unha das súas maiores xoias: un sarcófago antropoide escavado na rocha.

Espalladas polos seus cumios atoparás moitas mostras de arquitectura popular dedicada ao pastoreo: os chozos, construcións medievais coas que os pastores se protexían das inclemencias do inverno e que resistiron estoicamente o paso do tempo. Igual que o foxo dos lobos co que se protexía o gando, o único foxo dobre de Europa.

A viaxe no tempo continúa se visitas os restos do castelo de Alemparte. Trasládate pedra a pedra á revolta irmandiña de 1467, cando esta fortaleza se converteu en centro da rebelión social dos campesiñado galego contra os abusos feudais.

E para terminar cun bo sabor de boca, polo menos unha vez, tes que vivir a experiencia da Festa da Chanfaina e da Carne do Suído, un auténtico festexo gastronómico de exaltación de produtos autóctonos de altísima calidade: a chanfaina, unha longaínza tradicional de Fornelos feita con só dous días de antelación coas mellores partes dos porcos criados en liberdade nos montes da zona.

Vai facendo un oco na axenda!

Máis información

X