O Xeodestino reuniu en Tui a preto de 40 empresas turísticas para crear sinerxías

O Xeodestino reuniu en Tui a preto de 40 empresas turísticas para crear sinerxías

O obxectivo do encontro era facilitar unha primeira toma de contacto con outras entidades e fomentar a creación de novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino

 

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue camiñando para potenciar produtos turísticos diferenciados e de calidade. Con este motivo, este luns reuniu na Finca Remesal de Tui a arredor de 40 empresas turísticas e do sector primario dos 14 concellos do xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) para facilitar unha primeira toma de contacto entre entidades e favorecer a creación de sinerxías que dean lugar a novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino.

O workshop comezou coa recepción institucional de todas as persoas asistentes por parte de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia. Tras a benvida, o Xeodestino presentou a todas as as empresas diversos proxectos turísticos de interese para dar paso a continuación a unha serie de reunións rápidas coas que establecer os primeiros contactos comerciais con outros operadores turísticos, favorecendo o maior número de encontros posibles dentro dun evento dinámico e áxil co que fomentar colaboracións.

Tras os encontros deuse paso a un cocktail degustación amenizado por unha actuación musical no que todas as empresas puideron seguir mantendo contactos e intercambiando impresións co resto de participantes nun clima distendido.



X