O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño acada 1,5 millóns de euros para o seu Plan de Sostibillidade Turística en Destino

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño acada 1,5 millóns de euros para o seu Plan de Sostibillidade Turística en Destino

Baixo o nome ‘A Despensa de Galicia’, o plan aglutina accións clave para a transformación do modelo turístico do territorio baseándose no potencial da enogastronomía

O plan foi presentado en Nigrán nun acto no que participaron o Delegado do Goberno en Galicia, a directora de Turismo de Galicia e alcaldesas e alcaldes dos 14 concellos do Xeodestino

 

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa dando pasos adiante para ofrecer un turismo de calidade, sostible, profesionalizado e inclusivo. Liderado por Eu Rural e coa implicación dos 14 concellos do territorio, o Xeodestino vén de conseguir 1,5 millóns de euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino, ‘A Despensa de Galicia’, que busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía. Este plan conta con financiamento do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para impulsar a transformación do territorio baseándose nun produto turístico sostible a través de fondos europeos Next Generation.

“Hoxe é para nós un día moi importante, porque todas e todos xuntos conseguimos poñer en marcha un novo proxecto que axudará a dinamizar e adaptar o noso sector turístico ás novas necesidades”, salientaba Juan A. González, representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán durante o acto de presentación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) este mércores no Centro de Negocios Porto do Molle, en Nigrán. Como destacaba González, “no Xeodestino apostamos por deixar de pensar no local e por actuar como un todo. Por iso o noso PSTD non é un reparto de accións ou orzamento entre os 14 concellos que o conformamos, senón unha planificación estratéxica que facemos a nivel turístico, incidindo naquelas intervencións clave que consideramos que poden axudar a mellorar ao noso sector e que nos fagan máis competitivos”.

Este plan será “unha oportunidade única para financiar actuacións transformadoras e de calado suficiente como para converter a Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino sostible, innovador, competitivo e rendible co que atraer a un turismo de alto valor engadido baseado na calidade e na sostibilidade”, sinalaba a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Un paso moi importante, xa que, como recordaba a presidenta durante a presentación “o plan suporá tamén apoiar á economía local, apostar pola saúde, polo medio ambiente, polo desenvolvemento dos territorios dende a sostibilidade, polo patrimonio, pola cultura, pola profesionalización e a calidade do sector, pola promoción e dinamización conxunta e, sobe todo, apostar polas empresas que temos no territorio que fan que o noso destino turístico cada ano sexa mellor, máis respectuoso e de maior calidade”.

O PSTD contempla a posta en marcha de diferentes iniciativas centradas en catro eixos de actuación diferentes. Para unha transición verde, o plan impulsará intervencións de rexeneración de espazos de gran valor ambiental, a rehabilitación de infraestruturas turísticas para a súa adaptación ao cambio climático, a mellora da xestión de residuos nas festas gastronómicas ou a creación dunha rede de miradoiros. Nese camiño de sostibilidade e para afondar na eficiencia enerxética, ao abeiro do plan crearanse itinerarios cicloturistas na contorna de recursos gastronómicos, reforzarase a rede de sendeiros homologados e acometeranse proxectos de iluminación monumental de elementos significativos do patrimonio histórico do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Buscando a dixitalización do destino turístico, levaranse a cabo accións para enriquecer e mellorar a interpretación do patrimonio material e inmaterial vinculado á enogastronomía e adoptaranse solucións intelixentes para a mellora da sinalización turística. Ademais, o PSTD pretende canalizar esforzos cara ao sector privado buscando unha maior competitividade e consolidando o turismo como motor do desenvolvemento económico, polo que apoiará aos elos da cadea de valor máis vinculados coa enogastronomía para a súa transformación e para a incorporación da innovación nos seus procesos, co obxectivo de poñer en valor a cociña e os produtos locais. Isto completarase cunha actuación específica de turismo industrial, que fomentará a creación de rutas e experiencias arredor de elementos do patrimonio enogastronómico do territorio.

O acto de presentación do PSTD contou tamén coa participación do Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, quen recordou que a consecución dos fondos servirá para “consolidar este Xeodestino como motor de cambio e de desenvolvemento económico do territorio. Traballa cun plan ben feito que dá resposta ao obxectivo de cohesión territorial, porque a unión fai a forza, e de transformación do turismo dende a sostibilidade”.

Unha sostibilidade “tamén económica e social”, como sinalaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que se amosou convencida de que “o Xeodestino ten todas as características necesarias para posicionarse a nivel galego pero tamén nacional e mesmo, nun futuro, a nivel internacional”. Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, destacou que “o turismo non se entende sen esa colaboración público-privada, unha colaboración que se recolle neste plan do Xeodestino que sen dúbida seguirá atraendo xente a Galicia”.

No acto de presentación tamén participou a subdelegada do Goberno de Galicia, María del Carmen Larriba; o delegado de Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o rexedor de Fornelos de Montes, Emiliano Lage; o alcalde de Gondomar, Paco González; a rexedora de Mos, Nidia Arévalo; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a rexedora do Rosal, Ánxela Fernández Callís; a alcaldesa de Oia, Cristina Correa; a rexedora de Redondela, Digna Rivas; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; concelleiras e concelleiros, así como persoal técnico e empresas dos 14 concellos que conforman o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

A enogastronomía convértese neste PSTD na excusa perfecta para aglutinar accións que vertebren un xeodestino tan heteroxéneo como o da Ría de Vigo e baixo Miño, que reúne aos concellos de A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. O plan foi froito dun proceso participativo con reunións con actores dos ámbitos público e privado do ecosistema turístico dos 14 municipios do territorio e mesmo unha enquisa aberta ao público xeral.



X