O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentará o seu primeiro produto turístico en Fitur

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentará o seu primeiro produto turístico en Fitur

Os alcaldes e alcaldesas do GDR 14 estarán presentes na presentación do xeodestino na Feira Internacional de Turismo de Madrid. Reuníronse este luns no Salón de Plenos do Concello de Tomiño para coñecer a versión definitiva do Plan Estratéxico

 

O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño está a piques de celebrar o seu lanzamento. Os 14 alcaldes e alcaldesas dos concellos que abrangue este xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) acudirán a vindeira semana a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.

O Salón de Plenos do Concello de Tomiño acolleu este luns 13 a reunión dos alcaldes e alcaldesas, así como de técnicos e concelleiros de todos os municipios que abrangue o Xeodestino, para coñecer de primeira man a versión definitiva do Plan Estratéxico e os produtos turísticos e o material que servirá en FITUR de primeiro contacto coas futuras persoas visitantes do territorio. Esta reunión contou coa presenza de Sandra González, anfitriona, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade que dirixe o xeodestino; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan González, rexidor de Nigrán; David Alonso, concelleiro de O Porriño; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Agustín Reguera, rexidor de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentará o seu primeiro produto turístico en Fitur

Durante a reunión as e os representantes dos municipios debateron tamén cuestións relacionadas coa adenda de convenio de colaboración entre Eurural e os Concellos e deron os primeiros pasos para nomear a un novo representante institucional, cargo anual que durante o arranque do Xeodestino ocupaba Baiona.

Proxectos comúns

Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.

Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. Con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.

A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados.



X