Viaxar con mascotas

Son un máis da familia, así que non concibimos facer unha escapada sen levalos connosco. No xeodestino sabémolo e declarámonos totalmente petfriendly.

Proporcionámosche algunhas indicacións por se queres visitarnos noutro medio de transporte que non sexa o vehículo privado. Se vés en autobús podes viaxar coa túa mascota abonando a súa tarifa e cubrindo un impreso como o seu responsable. Deberá ir sempre con cesta de transporte homologada no maleteiro do autobús. Os cans guía poden viaxar na cabina sempre que o acrediten.

Se optas polo tren, recorda que podes levalo contigo sempre que se trate de animais pequenos que non pesen máis de 10 kg na súa correspondente gaiola ou cesta de transporte. É posible levar como máximo unha mascota por persoa e debe viaxar sempre co seu propio billete e non ocupar praza. Por suposto, os cans guía e de asistencia viaxan sempre gratis sen limitación de peso ou transporte.

Agora… queres saber que facer no noso territorio?

Na Guarda poderás pasear coa túa mascota polo estuario do Miño, unha zona de alto valor ecolóxico e con diferentes figuras de protección para a fauna e a flora deste espazo. Tamén poderás gozar das súas praias, agás entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, unha prohibición que nas praias fluviais comeza o 15 de marzo. O resto do municipio réxese pola normativa xeral, que indica que deben estar atadas en espazos públicos e recoller os residuos que xeren.

Baiona conta cun parque específico para cans no Paseo Monte Boi, no contorno da praia dos Frades. Trátase dunha zona acoutada con valos de madeira para que non escapen os cans e poder estar tranquilos, sentados nos bancos, mentres o can goza. Ademais dispón de xogos agility con salto de codas, corredor, anel…, fonte para beber os animais, ducha e espazo de baño, contedor de excrementos e dispensador de sacos. O parque sitúase nun contorno privilexiado cunhas fermosas vistas.

Por outro lado, nas praias permítese o acceso das mascotas excepto no período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.

Se o que che apetece é pasear coa túa mascota, o ideal é percorrer o paseo de Monte Boi, as sendas fluviais ou o paseo marítimo, con varias fontes dispoñibles ao longo do seu percorrido con zona baixa para que beban os nosos amigos peludos.

En Nigrán dispós dun parque para cans, o parque Carlos Casares en San Pedro, e podes pasear coa túa mascota de outubro a maio por todas as praias do municipio.

Un lugar ideal para estar ao aire libre con eles é o parque forestal dos Matos-Río Táboas ou Monteferro, cos seus espectaculares miradoiros e camiños por medio dunha zona con árbores. Podes pasear tamén coa túa mascota polo Camiño de Santiago pola costa ou por calquera das súas rutas e sendeiros, como o de Camos, o dos Mouros, o das Medoñas en Priegue, o do río Muíños, o dos Matos en Chandebrito ou o sendeiro litoral.

Sube coa túa mascota a Niño do Corvo, unha montaña que ascende ata os 312 metros case no límite entre os municipios do Rosal e Tomiño, un lugar estratéxico para observar unhas marabillosas vistas e unha sorprendente panorámica. Impresionantes vistas ao Miño que tamén encontrarás na ermida da Madalena, onde o pequeno templo comparte espazo con sobreiras de 400 anos de antigüidade e un xacemento arqueolóxico.

O miradoiro de Cruz da Portela-San Vicente é outro lugar perfecto para gozar dun momento de lecer coa túa mascota. Tramos de sendeiro con pendente en zigzag alternan con vistas que invitan a descansar e fotografar unha paisaxe accidentada e fermosa. Ademais, no miradoiro encontrarás un espazo de lecer con árbores, e bancos e mesas de pedra. Desde alí podes continuar ata a capela de San Vicente de Marzán, onde se esconden dúas sepulturas dos séculos IV-V escavadas na rocha.

Ideal é tamén a ruta polos muíños do Folón e do Picón, un circuíto de 3 km que discorre ao lado de 67 muíños construídos de forma graduada para aproveitar a auga procedente do río para moer cereais. É moi recomendable o Sendeiro dos Pescadores, que conecta a praia das Eiras coa área recreativa do río Tamuxe. Na Pesqueira disporás dunha zona de baño habilitada para mascotas.

Goza do contorno co teu amigo peludo na praia das Eiras ou nas áreas recreativas das Aceñas, con zona de baño, de Tamuxe ou de San Miguel.

Podes gozar de Oia e o seu encanto coa túa mascota nas distintas sendas naturais. A Ruta Máxica, de gran valor patrimonial na que descubrir o castro da Cabeciña e todo o que se agocha detrás del; a ruta do Mosteiro, un percorrido circular de case 8 km que parte do fantástico Miradoiro da Pedreira; e as rutas polos montes da Valga, tres sendeiros combinados entre eles que suman case 20 km de lonxitude por un contorno natural cunha paisaxe dominada pola montaña.

O Concello de Redondela conta, dende o verán de 2016, con dous espazos dirixidos aos cans. Un deles sitúase na parte central do areal de Cesantes, entre o lugar chamado “Os Asteleiros” e a contorna do Hostal Antolín. O outro espazo sitúase na parroquia de Chapela, nunha pequena cala situada a carón do porto deportivo e con acceso dende o paseo de Cardona.

Ademais disto, o concello lembra unha serie de normas de obrigado cumprimento para a correcta convivencia: non saírse das zonas delimitadas, recoller os excrementos, levalos atados e con buzo na boca se son razas potencialmente perigosas e manter a todos os animais vixiados para evitar molestias entre as persoas usuarias.

Moitos dos plans que propoñen desde o Concello de Tui son aptos para realizar con mascotas, aínda que sempre poderá participar cumprindo as normas de levala atada e recoller os residuos que xere. Ademais, moitos locais e aloxamentos en Tui son petfriendly.

X