Viaxar con nenos

Para facer turismo en familia e pasalo moi ben non hai que viaxar a grandes cidades. No xeodestino terás multitude de propostas coas que entreter os máis pequenos d casa… e os maiores. Mar, montaña, praia, parques, sendas fluviais, historia, deporte… no noso territorio poderás facer plans para todos os gustos. Ademais, ao longo de todo o ano os 14 concellos organizan unha variada programación cultural e de lecer apta para toda a familia.

A Guarda é un pequeno municipio tranquilo e cómodo para as familias. Unha visita obrigada é ao Monte Santa Trega. Os nenos desfrutan descubrindo o Castro de Santa Trega coas vivendas reconstruídas e a distribución dos espazos. A visita ao Museo Arqueolóxico na cima permítelles entender mellor que era un castro e como vivían os seus habitantes a través dos obxectos expostos e que foron atopados nas diferentes escavacións. Un recordo gravado son as vistas panorámicas á desembocadura do Miño, Portugal, Océano Atlántico e val do Rosal. Pódese combinar a visita realizando algún tramo da ruta sinalizada.

Outra visita a recordar é o porto pesqueiro moi pintoresco co dique dos mariñeiros, embarcación e a visita á subasta de peixe (día laborable). Xunto ao dique norte localízase unha pista deportiva e de skate, ademais do Museo do Mar (aberto fins de semana e festivos). Ademais, de interese é o novo e colorido pintado do dique norte con representacións do patrimonio cultural e natural da Guarda.

Dende o porto parten varias rutas de senderismo moi sinxelas que permiten coñecer a costa. Cara o sur parte a senda litoral e en 3,6 km chégase á desembocadura do Miño (praia O Muíño), unha ruta apta para bici e con algunha sorpresa interesante como as salinas romanas. Cara o norte parte a ruta das Cetariasas, que son construcións no mar empregadas para manter vivo o marisco. Tras 3 km de ruta pode coñecerse a Cetaria Redonda, a máis monumental e doada de visitar con nenos.

Os máis pequenos sorpréndense das casas mariñeiras da contorna da rúa Malteses, o barrio mariñeiro por excelencia que aínda conserva parte da súa esencia. Ás veces parece un labirinto pero é sinxelo, xa que as pequenas rúas enlazan o casco histórico coa rúa Malteses. É a zona máis antiga con rúas estreitas e casas de estruturas curiosas.

A poucos metros do casco urbano destaca o Castelo de Santa Cruz. En realidade é un forte militar do s. XVII que conserva a súa muralle e que garda no seu interior o Centro de Interpretación das Fortalezas. Este só abre as fins de semana de verán pero merece a pena a visita e desfruta do interior do castelo, aberto todo o ano como espazo ao aire libre e polas súas vistas.

De grande interese é a observación de aves no esteiro do Miño xunto ao camping con paseo a pé ou en bici ao longo da desembocadura do Miño con sendas e praias fluviais.

As praias da Guarda son tranquilas e familiares. As praias fluviais son catro, aínda que forman un areal continuo. A máis coñecida é a praia do Muíño pola súa localización en plena desembocadura do Miño, con servizo de socorrismo. As praias marítimas son tres pequenas calas protexidas de área fina tamén moi recomendables para as familias. Destaca a praia de Area Grande, con servizo de socorrismo.

Por último, outra actividade que gusta moito aos nenos é cruzar o río Miño no ferry que une a beira española e a portuguesa. O traxecto dura uns 10 minutos pero permite contemplar a paisaxe dende o propio río. É preciso informarse dos horarios no seguinte enlace.

Percorrer o centro urbano de Baiona é deixarse levar pola historia. No porto poderedes visitar a réplica da Carabela Pinta, unha reprodución a tamaño real da embarcación que arribou a Baiona en 1493 coa noticia da chegada de Cristóbal Colón a un continente descoñecido. No seu interior descubriredes a través dunha sinxela exposición como era a vida no barco, que aparellos utilizaban, que productos trouxeron desa primeira viaxe… e a historia da Arribada. A entrada custa 2 € ou 3 € se se adquire combinada coa Casa da Navegación. Os menores de 6 anos non pagan e as familias numerosas dispoñen do 50 % de desconto.

Na Casa da Navegación poderedes percorrer a historia marítima de Baiona ao longo dos séculos. Combina historia con elementos curiosos como unha réplica da embarcación Santa María; outra do Scarlet Night, o primeiro robot submarino non pilotado que consegue cruzar o Atlántico impulsado polas correntes mariñas; as diferentes artes de pesca ou os falconetes procedentes dun barco de guerra que participaran nos ataques contra Inglaterra como parte da Armada Invencible do rei Felipe II. Conta cun parque infantil na parte traseira do edificio. Na biblioteca municipal, situada nun precioso hospital antigo, pero cunhas modernas instalacións interiores de recente creación, encontraredes un amplo catálogo de libros infantís, unha sala infantil específica e seguro que algún dos contacontos, obradoiros… habituais na súa programación.

Se o que che apetece é estar ao aire libre, visita a Fortaleza de Monterreal paseando por riba das súas murallas. As súas torres, as súas portas, as súas baterías de canóns que protexen os muros… farán que os maos pequenos imaxinen escenas de conto. Outra opción é o paseo Monte Boi, 2 km de percorrido que rodea as murallas da fortaleza polo exterior e pegado ao mar. Recomendámosvos que empecedes pola praia Concheira e rematedes saíndo pola Fortaleza de Monterreal, xusto a carón do parque da Palma.

O parque da Palma é unha das moitas zonas de xogo que encontraredes por todas as parroquias do municipio. O da Palma, aos pés da Fortaleza de Monterreal e entre as praias da Concheira e A Ribeira, será amor a primeira vista para os nenos: dividido en varias zonas segundo as idades, dispón de xogos adaptados, randeeiras accesibles, tirolesa, cancha de baloncesto, campo de fútbol, mesa de pimpón… Para os amantes do deporte urbano, ao pé do campo de fútbol do Aral terán unha pista de skate con zonas para realizar xiros e un caixón para saltos.

O carril-bici, paralelo ao paseo marítimo, ofrece un bonito percorrido paralelo ao mar que poderedes realizar camiñando, en bicicleta, patín… Se vos gusta gozar en familia da natureza, tendes á vosa disposición dúas sendas fluviais en lugares con moito encanto e moi cómodas de realizar: a de Baredo, que discorre paralela ao río e onde se poden ver os antigos muíños, e a do Burgo, que segue o leito do río Baíña, que desemboca na praia de Santa Marta.

Subir ata a Virxe da Rocha é un verdadeiro espectáculo. Trátase dunha estatua de 15 metros de altura que representa a virxe sostendo unha barca-miradoiro na súa man dereita. Accédese polo interior da estatua, a través dunhas escaleiras de caracol, ata a barca desde onde se contemplan unhas vistas espectaculares. Ademais, poderás gozar do seu emprazamento, en pleno parque forestal con zona de lecer, merendeiro e parque infantil.

Tamén no contorno de Baiona está o parque forestal de Chan da Lagoa, a 5 km do centro, unha zona acoutada e habilitada para o lecer con merendeiros, zonas para facer brasas, fonte… Ademais, é habitual ver no contorno tanto cabalos como vacas que viven en liberdade no monte da Groba. Nos montes de Santa Cristina da Ramallosa encontrarás a estación rupestre Outeiro dos Lameiros, un lugar idóneo para que os máis pequenos teñan contacto coa arte rupestre e descubran os numerosos petróglifos que se poden ver alí. Conta con pasarelas para acceder a eles e con paneis explicativos que interpretan os gravados nas pedras.

No contorno do cabo Silleiro encontraredes unhas vistas únicas. Á dereita da estrada, ao pé do mar, está o faro vello, posto en funcionamento no século XIX e do que aínda sobrevive parte da súa estrutura. Ao seu carón está a coñecida como “praia dos cristais”, xa que nesta parte da costa se pousan moitos sedimentos con este aspecto. Se subides cara á esquerda pola estrada chegaredes ao faro novo, de 1923, e á batería de canóns e os restos do antigo destacamento militar que se sitúa na ladeira do monte.

Tampouco esquezades as praias. Baiona conta con seis en todo o municipio, catro delas moi recomendables para nenos. As praias da Ribeira e A Barbeira, no centro do municipio, e as de Santa Marta e A Ladeira, a 1 km do centro, son areais familiares e moi seguros, tanto na zona de area como na de baño.

O parque da Coelleira é unha das áreas de lecer que atoparedes no centro urbano de Gondomar, construída na antiga Cerca da Coelleira, unha das catro que en tempos tiña o condado nesta zona. Está conectado coa peonil Praza da Pradela, que se converteu en lugar de lecer e esparexemento. O parque está dividido en varias zonas segundo idades, tirolina e zona de merendoiro, e conecta coa ribeira sur do río mediante dúas pasarelas de madeira que se suman á ponte coñecida como Ponte baixa da Paradela. Unha vez cruzado o río, na contorna das Cercas, poderedes desfrutar dunha zona de pistas de tenis, cancha de baloncesto e, para os amantes do deporte urbano, de pista de skate e BMX.

O parque de Ánimas, nas proximidades do mesmo nome, ofrece unha ampla zona de xogo e esparexemento para os máis pequenos.

Na contorna do Monte Galiñeiro, na parroquia de Vincios, desfrutarás dun espazo agradable e tranquilo formado por pradarías que aproveita o gando, monte baixo e arboreda de pinos, eucaliptos, castaños e diversas especies autóctonas. Na zona atópoase á área de recreo do Galiñeiro.

Grandes panorámicas poden acadarse desde múltiples lugares, facéndose máis amplas canto máis ascendemos polas súas ladeiras. Aos pés do Monte Galiñeiro, a uns 470 m de altitude, localízase a Estación Rupestre Auga da Laxe, que abrangue unha considerable cantidade de importantes petróglifos da Idade de Bronce, entre os que destaca o conxunto de petróglifos con armas máis grande de Europa, coñecido tamén como Pedra das Procesións.

Se vos gusta o deporte en familia, en Nigrán encontraredes moitas opcións, sobre todo para realizar deportes de auga como surf ou piragüismo. Encontrarás multitude de escolas de surf que ofrecen cursos durante todo o ano en Patos. Tamén atoparás grandes areais como Madorra, Panxón ou Praia América, e pequenas praias perfectas para pasar o día con nenos, como a de Canas, Portocelo, Arribas Brancas ou Area Fofa. Podedes gozar, ademais, de pequenas calas en Monte Lourido ou Monteferro, onde trepar polas rochas e descubrir a cantidade de peixes e mariscos que viven nestas zonas.

Así mesmo, pódese pasear ao aire libre percorrendo calquera dos seus sete sendeiros circulares cos que coñecer paso a paso litoral e interior, o Camiño de Santiago pola costa, o miradoiro dos Mouros, As Medoñas, o río Muíños, Os Matos, o Castro en Chandebrito ou a senda litoral entre Praia América e Panxón. Paga a pena a ruta por Monteferro, onde encontrarás antigas baterías, un faro, un bambán con vistas impresionantes e unha zona de merendeiro.

Outro plan ideal é unha tarde no Cine Imperial A Ramallosa, unha sala clásica con máis de 60 anos de antigüidade que se converteu nun dos recunchos máis emblemáticos de Nigrán. A biblioteca municipal tamén resulta moi recomendable para visitar cos máis pequenos da casa.

Os nenos tamén poderán atoparán tempo para o lecer na gran cantidade de parques infantís e pistas deportivas que hai por todo o municipio.

No Rosal podedes comezar a escapada en familia visitando a Explanada do Horizonte en Portecelo, unha grande área de lecer con merendeiro, espazo de xogo e un miradoiro cunhas espectaculares vistas ao Atlántico. Un lugar idílico para observar e fotografar a posta de sol. Por esta zona pasa o Camiño de Santiago pola costa, outra recomendación para facer unha pequena ruta con nenos neste municipio.

Por todo O Rosal atoparás diferentes áreas recreativas, como a de Cruz da Portela, con miradoiro incluído, a do río Tamuxe en Porto Vello ou a de San Miguel. A das Aceñas conta con zona de baño e un sendeiro no que descubrir un muíño de vento do século XIX que soporta unha grande área boscosa ideal para desconectar en contacto coa natureza. Seguindo ese mesmo sendeiro chegaredes ás Pesqueiras, outra zona de baño nun tranquilo espazo moi preto do corazón da localidade, perfecto para gozar do lecer en familia.

Para percorrer o municipio paso a paso dispoñedes dunha ruta polos muíños do Folón e do Picón, un circuíto de 3 km que discorre ao lado de 67 muíños construídos en chanzos para aproveitar a auga procedente do río para moer cereais, apoiando as familias durante xeracións nun sistema comunitario. Moi recomendable é tamén o sendeiro dos pescadores, que conecta a praia das Eiras coa área recreativa do río Tamuxe, onde se poden contemplar as ruínas de un grande serradoiro de vapor.

No monte Real encontraredes en medio dun gran arboredo a ermida da Madalena, un pequeno templo que vos recibirá cunhas impresionantes vistas ao Miño. Ao seu arredor descubriredes catro sobreiras únicas cun gran porte e unha disposición singular das súas copas, que van enlazando as súas pólas ata crear unha gran cúpula vexetal de forma elíptica. Todos eles teñen uns 400 años de antigüidade. Ademais dos puntos de interese arquitectónico, paisaxístico e natural, o alto da Madalena tamén alberga un xacemento arqueolóxico. A capela sitúase a carón dun castro que, como é habitual neste tipo de recintos da Idade de Ferro, se asenta nunha zona de importante control visual do territorio.

Os máis pequenos da casa tamén poderán divertirse percorrendo O Rosal e parando para xogar nos diferentes parques infantís distribuídos por todo o municipio.

No Porriño os plans en familia van ligados á natureza. Maiores e pequenos poderedes gozar dos espazos naturais do concello e as súas rutas. Así, pódese percorrer a ribeira do Louro e as Gándaras de Budiño, un percorrido de 8 km de dificultade baixa ideal para facer a pé ou en bicicleta que comeza e termina no observatorio ornitolóxico das Gándaras. Coa mesma dificultade encontrardes o sendeiro dos muíños, un percorrido de 8 km por zonas de elevado interese natural e etnográfico.

Subimos un chanzo a dificultade e temos o sendeiro das Greas, que forma parte dun sendeiro de longo percorrido por toda a área metropolitana dos que 22 km transcorren polo Porriño. Un paseo polo val do Louriña de dificultade media-baixa que se enmarca entre dous puntos de gran forza paisaxística, o Faro de Budiño e o Galiñeiro.

O sendeiro das Insuas, de dificultade media, transcorre pola parroquia de Atios durante 9 km con fermosas vistas sobre o val de Louriña.

Historia e natureza van da man nos plans con nenos en Oia, onde poderedes percorrer tres rutas de sendeirismo únicas. A Ruta Máxica, de gran valor patrimonial na que descubrir o castro da Cabeciña e todo o que se agocha detrás del; a Ruta do Mosteiro, un percorrido circular de case 8 km que parte do fantástico miradoiro da Pedreira; e as rutas polos montes da Valga, tres sendeiros combinados entre eles que suman case 20 km de lonxitude por un contorno natural cunha paisaxe dominada pola montaña.

Non podedes marchar de Oia sen visitar cos cativos da casa as distintas pozas que hai por todo o municipio, como as de Mougás, Loureza e Pozo do Arco en Burgueira. Un espectáculo natural no que descubrir zonas de baño e lecer en medio da natureza, con fervenzas de gran beleza.

Se hai unha cita impresicindible, que toda a cativada agarda con tanta ilusión como aos Reis Magos, esa leva por nome o Festival de Títeres de Redondela. Unha semana de actividades que enchen as rúas e prazas de Redondela, con actividades en sela e espazos públicos, música e teatro, obradoiros e espectáculos sonoros pero sobre todo monicreques que farán voar a imaxinación de adultos e cativos. O festival celébrase na metade do mes de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.

Pero Redondela tamén ofrece outros espazos de lecer e aprendizaxe. Algúns ateigados de historia, tradición e cultura como é a Festa da Coca que lembra a vitoria dos mariñeiros de Redondela sobre o dragón que vivía na illa de San Simón. Os actos de celebración contan coa danza das espadas e coas penlas, unhas meniñas que disfrazadas de anxos voan sobre os ombros de dúas mulleres que tradicionalmente pertencían ao gremio do pan. Nas rúas, entrementres, sae a figura da Coca coa súa boca aberta para que as crianzas tiren aló dentro larpeiradas. A música, os cabezudos, os bailes… fan que este día do mes de xuño sexa outra cita de gran ledicia para a vila dos viadutos.

Outra festa con gran tradición e vida en Redondela son Os Maios. Nenos e nenas preparan estruturas de madeira con distintas formas que adornan con produtos de época coma o fiúncho, cascas de ovo, flores ou froitas. Despois bailan e cantan arredor dela unhas coplas sempre cheas de retranca que provocan a gargallada do público. Ao final un xurado decide cales maios son os vencedores nas distintas categorías e quedan expostos durante un tempo na Alameda de Castelao.

Unha última recomendación: o museo de Meirande. Un espazo pequeno onde se recrea a famosa Batalla de Rande de 1702, que enfrontou a flota das principais potenciais europeas como son Inglaterra, Francia, Holanda e España. No museo poderemos observar a recreación dos camarotes daquelas enormes embarcacións, imaxinar como son os pecios agochados nas augas da Ría de Vigo pola zona de Rande e enseada de San Simón, ou apreciar maquetas a escala dos barcos afundidos nas nosas augas. Ademais disto, o museo sitúase nunha antiga fábrica de conservas. Por iso tamén poderedes contemplar ferramentas e maquinaria, algunha de especial interese e grandes dimensións, que simbolizan a auxe industrial no eido marítimo de Redondela. En definitiva, unha visita que vale por dous. E como broche sempre queda a opción de organizar unha viaxe en barco pola ría até a illa de San Simón posto que no Meirande hai un pantalán para este uso.

Se buscas un plan en familia con nenos, en Tui propóñenche calquera dos seus tres paseos urbanos cos que coñecer os máis de 2000 años de historia que acumulan as súas rúas: un percorrido pola cidade monumental, transitando polas súas rúas empedradas, casas con brasóns e monumentos; a ruta xudía, un paseo polo patrimonio xudeu que conserva a vila; e un paseo fluvial, acompañando o río Miño nun dos seus tramos finais.

Imprescindible tamén é percorrer a senda botánica ou a ruta de miradoiros no parque natural do monte Aloia, que non deixa indiferente a ningún visitante. Atractivos paisaxísticos, históricos, naturais e mesmo relixiosos nos que atopardes fermosos recunchos.

Especialmente pensadas para nenos e nenas están as rutas deseñadas pola historiadora Sara Quintana e o ilustrador Xosé Tomás, tres rutas autoguiadas, educativas e culturais que recollen a historia da cidade e que guiarán aos visitantes a través de preguntas que deben ir respondendo para seguir descubrindo a cidade dunha forma diferente e divertida. Ademais dun percorrixo xeral polo casco histórico de Tui, pequenos e maiores poderán desfrutar de ‘O túnel de dona Urraca’, unha visita polo conxunto histórico arredor da Catedral duns 75 minutos de duración, e de ‘O tesoro de Salomón’, 120 minutos de percorrido nos que coñecer unha zona máis ampla da cidade e outras partes da súa historia da man do histórico personaxe Francisco Sánchez.

X