Todo o legado xudeo de Tui, recollido nunha guía

Todo o legado xudeo de Tui, recollido nunha guía

Este concello do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño é o último en incorporarse á Rede de Xudarías de España

 

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño conta con novas ferramentas para descubrir o territorio: dende onte Tui presume xa de ter unha guía turística da Rede de Xudarías, unha compilación do legado xudeu desta localidade centrado na súa cronoloxía e personaxes ilustres e con mapas e información sobre os lugares de interese xudeu e de interese xeral para o visitante. Conta ademais tamén cunha sección específica de paisaxes onde o río Miño cobra gran protagonismo e outra de gastronomía sefardí.

Destaca esta guía a rica documentación coa que conta Tui en comparación co resto de Galicia, non tanto na súa abundancia senón polo completa que é. E, que ademais da beleza natural desta localidade e do seu rico legado histórico, Tui atesoura un importante patrimonio vinculado á presenza da comunidade xudía e xudeoconversa. O núcleo orixinal da xudaría estaría na actual rúa das Monxas e Bispo Castañón, rúas que manteñen en boa parte intacto o trazado e o encanto medievais.

A guía foi presentada xunto á de Monforte de Lemos e Ribadavia nun acto no Parador Hostal Reis Católicos de Santiago no que participaron tanto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, como os rexedores das outras dúas localidades, José Tomé e Noelia Rodríguez; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a xerente da Rede de Xuderías de España, Marta Puig; e a autora dos folletos, Alejandra Abulafia.

Esta guía, xunto á das outras dúas cidades galegas que forman parte da Rede, súmanse á colección de máis de 20 publicación que xa ten editadas Camino de Sefarad, conformando un amplo catálogo que permite dar a coñecer as xuderías existentes en España e o seu altísimo valor patrimonial e cultural, ademais de turístico.

 



X