A mitigación do cambio climático, tema central da última reunión do PSTD do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

A mitigación do cambio climático, tema central da última reunión do PSTD do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras fixeron un balance do estado da execución das accións postas en marcha ata o momento

Representantes municipais pertencentes ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino reuníronse en Tomiño para avaliar o progreso do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “A Despensa de Galicia”. Entre os asistentes a este encontro atopábanse a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Luciano Otero, de Pazos de Borbén; Sheila González, de Baiona; Sara Cebreiro, de Mos; Vanessa Ucha, do Porriño e Rita Pérez, de Redondela.

Na reunión fíxose balance do estado de execución das accións postas en marcha ao abeiro deste plan que busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía. Tamén se acordou a creación de tres grupos de traballo que, ao longo do mes de agosto, seleccionarán tres proxectos estratéxicos tractores para todo o territorio e representativos do destino no seu conxunto.

Os grupos de traballo avaliarán distintas actuacións dirixidas a mitigar o cambio climático, cunha inversión duns 125.000 €, tales como a protección de praias ou zonas inundables ou a rexeneración de ecosistemas, e tamén outros orientados a rehabilitación sostible de edificios, preferentemente vinculados coa enogastronomía, para a súa adaptación ao cambio climático, que minimicen as necesidades de climatización da construcción, reducindo os consumos enerxéticos. Outras actuacións referidas á iluminación artística e eficiente do patrimonio do Xeodestino, cunha inversión de 225.000 €, tamén serán avaliados polos grupos de traballo.

Este evento subliña o compromiso dos municipios do GDR14 co  desenvolvemento sostible e a promoción da riqueza enogastronómica de Galicia, avanzando así na consolidación da rexión como un destino turístico de referencia.



X