Baiona

Respira en Baiona o aire tradicional das vilas mariñeiras co carisma dunha localidade con identidade propia. A pedra das súas rúas, o aroma salgado do mar, os seus 6 km de paseo marítimo, os case 4 km de praias e o verde dos seus montes converten este municipio nun lugar moi especial ao que quererás regresar.

 

Rúa por unha fermosa e histórica vila, a primeira en Europa que recibiu a noticia do descubrimento de América en 1493 coa chegada da Pinta, momento que quedou gravado no imaxinario colectivo e que poderás revivir visitando a réplica desta carabela ou coa Arribada, Festa de Interese Turístico Internacional.

 

Pérdete no seu barrio antigo, declarado conxunto de interese histórico-artístico, e déixate absorber polas súas rúas estreitas e empedradas, os seus edificios de pedra ou granito, ou os seus soportais.

 

Goza na península de Monte Boi dun impresionante paseo á beira do Atlántico e da mellor atardecida dende a fortaleza de Monterreal, metade fortaleza medieval, metade pazo galego e, actualmente, parador no que gozar dunha magnífica estancia. En fronte, a Virxe da Rocha, un monumento de 15 metros de altura, tallada en pedra por Antonio Palacios con anacos de mármore branco de Carrara. O barco que sostén na súa man dereita convértese nun miradoiro privilexiado para contemplar o océano.

Percorre o Camiño Portugués da Costa que te levará a Compostela sentindo o salitre atlántico na cara ou goza a máis de 630 metros de altura da calma da serra da Groba, un paraíso natural ideal para a práctica do sendeirismo, o deporte ou o lecer en lugares como O Cortelliño ou Chan da Lagoa.

Fai unha parada para degustar nos seus bares e restaurantes a exquisita gastronomía da zona, rica en produtos do mar regados cun bo albariño. Apúntaste?

Máis información

X