Non coñecerás Soutomaior se non paseas polo seu castelo, centro de poder feudal, escenario de batallas, residencia de verán nobiliaria e, hoxe, monumento público visitable cun Xardín de Excelencia Internacional da Camelia no que tamén se poden ver árbores centenarias. Desde a súa creación no século XII tivo varias reconstrucións e rehabilitacións ata conformar a impoñente arquitectura coa que agora sorprende os seus visitantes.
Pero a localidade ofrece mucho máis. Terra de contrastes, afastándose das murallas do castelo poderás gozar dos case 2 km de paseo marítimo de Arcade, cuxas pasarelas de madeira convidan a percorrer a desembocadura do río Verdugo. É precisamente neste río no que encontrarás dous lugares de visita imprescindibles: a ponte romana de Camboa, con máis de 2000 anos de antigüidade, e a ponte colgante, que cruza o río nun recuncho natural de beleza excepcional. Ao longo do río tamén poderás descansar nas súas numerosas praias fluviais, así como nos dous areais situados en plena ría de Vigo.
Admira as vistas da ría e dos concellos limítrofes subindo o monte da Peneda, antigo castro, posterior fortaleza de Castrizán e actual santuario da Virxe de Nosa Señora da Peneda, construída a mediados do século XVII. Un emprazamento privilexiado cuns miradoiros que se converteron nun grande atractivo turístico.