Redondela

Prepara a maleta para gozar de Redondela, terra de lendas, mar, natureza… e batallas. En Meirande descubrirás todos os segredos sobre a Batalla de Rande, que enfrontou as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa durante a Guerra de Sucesión Española en 1702 e na que se cre que se afundiu o maior tesouro do Atlántico. Xulio Verne situou neste escenario a fonte de aprovisionamento de ouro do Nautilus na súa obra ’20.000 leguas baixo dos mares’

Sen saír da ría poderás coñecer o arquipélago de San Simón, con catro illas usadas ao longo da historia como lazareto, cárcere, albergue ou mesmo orfanato. Hoxe en día é escenario dunha extensa programación cultural ao longo de todo o ano. Enfronte sitúanse os 2400 metros cadrados do areal de Cesantes, cun paseo marítimo co que coñecer mellor o municipio.

Xa en terra, atoparás en Redondela a vila dos viadutos: cruzan a localidade a ponte construída por Pedro Floriani en 1873 e o chamado viaduto de Pontevedra (1884), ambos catalogados como bens de interese cultural. O patrimonio cultural complétase cos impoñentes pazos que salpican o municipio ou a arquitectura relixiosa que se encontra ao longo de toda a vila.

Continúa coa viaxe pola historia coñecendo os restos do Neolítico que se sitúan no monte Penide, entre os que destaca a Mámoa do Rei ou os petróglifos de Ventosela, de grande interese polas escenas ecuestres, polo seu tamaño e polo número de gravados de círculos concéntricos.

Outro dos recunchos máis bonitos de todo o municipio está en Reboreda, onde poderás gozar da caída da fermosa fervenza da Freixa, da árbore centenaria coñecida como o “carballo das 100 pólas’ ou dos case 19 muíños que percorren o río Alvedosa, algúns deles reconvertidos en establecementos de hostalería.

Percorre paso a paso calquera das rutas que discorren por Redondela: un tramo do sendeiro das Greas, o máis longo de Galicia e que pasa por once municipios; da ruta das pedras e as súas fermosas vistas; da senda da auga, coa que atravesarás infinidade de paisaxes; ou o Camiño da Franqueira, un itinerario rural de outeiros e vales, bosques e ríos, costumes, tradicións e persoas agradables. Ademais, na parroquia de Cedeira, na zona máis alta de Redondela, podes gozar dunha área recreativa con distintos restos arqueolóxicos e un miradoiro natural de rochas sobre a ría de Vigo.

Completa a túa visita divertíndote en calquera das numerosas festas que nos propoñen os redondeláns, como a Festa da Coca, que revive a lenda da batalla dos mariñeiros contra o dragón que moraba na vila e que levaba as mulleres máis fermosas á súa gorida, debaixo da ponte da illa de San Simón. Conquistarate a festa dos Maios, para conmemorar a chegada da primavera; ou o festival de monicreques, o entroido de verán, o festival de artistas na rúa, a festa dos fachos ou as numerosas festas culturais (Millo Verde, SinSal ou ArrastroRock) e gastronómicas (do choco, do mexillón ou da mazá) que che propoñen.

Imposible decidirse!

Máis información

X