Pedra en seco

Coa ruta da pedra seca coñecerás unha das técnicas de construción tradicionais nos concellos do xeodestino.

Pedra seca

eurural.

Por onde pasa a ruta da pedra seca?

Coñeces a ruta da pedra seca?

Pedra seca, concello a concello

Percorre punto a punto esta ruta para adentrarte na técnica tradicional da construción coa pedra en seco, sen masa de unión ou asentamento. É, sen dúbida, un dos exemplos de técnicas e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe.
O coñecemento do material, o desenvolvemento dos procesos axeitados para a súa selección e transporte e a habilidade para a construción de estruturas estables e permanentes non che deixarán indiferente. Cada construción posúe unhas características propias e recoñecibles, ademais dunha beleza estética propia.
Non perdas detalle dunha práctica inscrita pola Unesco na Lista Representativa de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade en 2018 baixo a denominación ‘Coñecementos e técnicas da arte de construír muros en pedra seca’, que afecta territorialmente a Croacia, Chipre, Francia, Grecia, Italia, Eslovenia, España e Suíza.
Paso a paso visibiliza estas construcións feitas con pedra seca presentes nas numerosas estruturas viarias ou de cultivo realizadas con esta técnica en Galicia ou na gran cantidade de conxuntos etnográficos dentro da nosa arquitectura popular.
Imos pedra a pedra?

Os Chozos (Fornelos de Montes)

Se visitas a serra do Suído poderás atopar diseminadas moitas mostras da arquitectura popular dedicada ao pastoreo que poden remontarse á Idade Media. A distancia que estes pastores percorrían facíalles pasar longas tempadas lonxe de seus fogares, razón pola que, para protexerse do mal tempo, ergueron estas vivendas.

Foxo dos Lobos (Pazos de Borbén)

Sorprenderíannos a todos atoparnos con esta arquitectura que estaba composta por dous muros de grandes dimensións con forma de uve que converxe nun punto onde existe un burato moi fondo no chan. A súa antigüidade non está determinada. O que si se sabe é que deixou de utilizarse aproximadamente a finais do século XIX.

Senda de Aranza (Soutomaior)

Corredoiras, terrazas, bancais, muros de pedra e outros elementos etnográficos fan voar a nosa imaxinación e visualizar a actividade que noutro tempo acolleron estas terras do río Oitavén, con certas similitudes coas ladeiras da viticultura heroica da Ribeira Sacra. Unha fermosa paisaxe modificada coa sutil e delicada técnica da pedra seca.

Camiño da Franqueira (Redondela)

Viaxa ao século X visitando o Santuario da Virxe da Franqueira. Desfruta dun percorrido por estes camiños tan antigos, fermosos exemplos de arquitectura con pedra seca que contan con numerosos elementos construtivos, como muros, pasadoiros, lousas, muíños, cortellos e outros elementos etnográficos.

Os muíños de Mos

Adéntrate nos muíños de Mos para coñecer unha parte moi importante do patrimonio etnográfico, cultural e arquitectónico local. Desfruta de cada un deles, encravados en lugares de gran beleza natural, en zonas de relativo illamento debido á separación dos núcleos de poboación e unidos por numerosos e belos camiños. Natureza, auga e pedra en perfecto equilibrio e integración.

A vila dos muíños (O Porriño)

O pan de O Porriño debe en gran parte a súa fama ao auxe dos muíños. A importancia desta actividade levou á vila porriñesa a converterse historicamente nun centro de distribución de pan. Viaxa aos tempos nos que se moía a fariña para facer este delicioso pan visitando alguns dos muíños máis destacados, como os da Rifana e do Castro, en Atios; o muíño de Fuxán, en Cans; os muíños do Caeiro do Penedo, do Crego, San Diego e do Folón, en Mosende; o dos Cabreiros e moitos outros que reciben augas das baixantes do Galiñeiro, da Pedreira, dos montes de Cans ou de Atios.

Barrio da Pedra, Morgadáns (Gondomar)

Visita Morgadáns para descubrir o que é considerado un dos barrios máis antigos de Gondomar, declarado como barrio protexido. Nel atoparás numerosos elementos de construción coa técnica de pedra en seco, entre os que destaca o pavimento da igrexa parroquial de Santiago de Morgadáns.

Fontes, lavadoiros e enxeñería da auga (Nigrán)

Foron elementos esenciais para os fogares ata a chegada do subministro público de auga e puntos de encontro veciñal que foron perdendo a súa actividade social co paso do tempo. Agora fontes e lavadoiros representan verdadeiras xoias de cantería e constitúen un gran tesouro etnográfico. Tamén son de grande importancia as canalizacións que levan a auga ata as fontes, os lavadoiros e os muíños, como, por exemplo, os muíños de Chandebrito, o do río Táboas e do río Muíños.

Camiño Real (Baiona)

Ponte en marcha con nós e vaiamos cara o oeste por este camiño que nos leva dende Tui a Baiona. Era un camiño real, tamén quizais un itinerario romano tendo en conta a orixe das dúas poboacións. Muros, pontes, pasadoiros, fontes, pavimentos e outros elementos etnográficos, ademais das construcións máis recoñecibles, como templos e edificios civís, son o sinal de identidade destes itinerarios que mesturan grandes construcións de cantería con outras obras modestas de arquitectura popular en pedra seca.

Os Puxeiros (Oia)

Sabes que son Os Puxeiros? Así chaman nas Rías Baixas aos muros para gando que permanece durante longas tempadas nas montañas. Trátase de construcións artesanais, realizadas a partir da técnica da pedra en seco, que, na actualidade, pasaron ao imaxinario popular porque dan lugar a diferentes topónimos e nomes como, por exemplo, o do Curro dos Puxeiros, o que foi o maior curro da serra da Groba.

Camiño do Aloque (A Guarda)

Desembarca na Guarda, o primeiro municipio galego do Camiño Portugués da Costa, e desfruta dos seus 9 km de percorrido pola vila. Neles atoparás un dos camiños máis primitivos, o camiño do Aloque, que conserva o seu antigo empedrado, un lavadoiro e unha fonte. Un enclave con séculos de historia, xa que era o único itinerario que unía a parroquia de Camposancos coa vila da Guarda. Parte do barrio de Saa para continuar polas sendas da ladeira do monte de Santa Trega.

Os muíños do Folón e do Picón (O Rosal)

Déixate impresionar por este grupo de 60 muíños en fervenza considerados como a obra máis importante da arquitectura popular galega construída coa técnica da pedra en seco e recoñecidos como un dos conxuntos máis importantes de toda Europa. Os primeiros muíños conservados datan dos séculos XVIII e XIX.

Muíños e pontes do barrio da Pedra (Tomiño)

Tomiño ten numerosas mostras de muíños e pontes ao longo de toda a súa rede hidrográfica. Na área de lecer do barrio da Pedra atoparás algúns deles, ao igual que no curso alto do río, ao seu paso polo val de Tebra. Desde sempre, os veciños asumiron as obras de pequenas pontes en vías ou camiños secundarios, o que orixinou unhas singulares construcións feitas cos coñecementos da sabedoría popular.

Muíños de Tripes (Tui)

Dentro do Parque Natural do Monte Aloia discorre o río que nace no alto de San Xiao e pasa sobre un val pola aldea de Frinxo. Alí atoparás un camiño ancho e empedrado para o tránsito dos carros que te conducirá a unha viaxe no tempo con muíños e casas de case 200 anos de antigüidade.

X