A Guarda

Arroupada por augas do océano Atlántico e do río Miño, A Guarda é o municipio máis meridional do noso xeodestino. Trátase dun enclave privilexiado cunha interesante oferta patrimonial, cultural, gastronómica ou de natureza aberta a todos os visitantes.

Conecta co seu variado contorno natural, percorrendo o seu estuario ou algunhas das súas seis rutas de sendeirismo ou os seus percorridos pola Guarda marítima; goza das súas sete praias fluviais e marítimas; ou coroa o alto dos montes Torroso e Santa Trega, onde te agardan unhas espectaculares vistas panorámicas, os mellores atardeceres e un anaco de historia: o castro de Santa Trega, a mostra de cultura castrexa máis importante do noroeste peninsular, 20 hectáreas que foron habitadas por máis de 4000 persoas.

Imprescindible o paseo polas súas rúas para coñecer o seu centro urbano, de gran riqueza patrimonial, ou percorrer as súas múltiples rutas culturais ou de sendeirismo. O seu porto pesqueiro, con embarcacións e casas mariñeiras estreitas e de gran colorido, son parada indispensable en calquera percorrido pola vila.

Se algo non pode faltar na túa visita á Guarda é a degustación da súa excelente gastronomía, na que a calidade do marisco e do peixe de baixura se mestura co bo facer dos seus restaurantes para ofrecerlles a guardeses e visitantes o mellor do mar na mesa.

Deixa oco para a sobremesa: non podes marchar do municipio sen probar a súa tradicional rosca de xema. E é que aquí, onde morre o Miño, atoparás tamén un amplo abano de festas gastronómicas, relixiosas, deportivas e culturais imprescindibles en calquera axenda: a da Lagosta e da Cociña Mariñeira e a do Monte foron declaradas Festa de Interese Turístico Galego.

Co río como fronteira natural, a súa relación con Portugal é indiscutible. Primeiro municipio de Galicia do Camiño Portugués da Costa, os peregrinos que percorren o litoral portugués cruzan o río Miño en plena desembocadura para continuar a súa viaxe ata o Camiño Portugués de interior: 9 km de ruta con diferentes paisaxes e un gran patrimonio por descubrir.

Podes visitar esta vila mariñeira desde a lusa Caminha subindo ao transbordador, cun horario sometido aos caprichos das mareas.

Visita A Guarda… Repetirás!

Máis información

X