Ruta Moderna

A chegada por Baiona da noticia do descubrimento de América marcou o principio dun horizonte que transformou o territorio. Atrévete a realizar unha ruta coa que viaxar a unha época na que o comercio, fortalecido coa Unión ibérica (1580-1640), converte a Tui, Baiona ou Redondela en importantes centros económicos con Portugal e de grande importancia estratéxica cara o Atlántico. Os contactos facilitaron a chegada de novos produtos e, tamén, a necesidade de fortificárense para a defensa dos ataques ingleses e holandeses ou o control na fronteira do río Miño.

Ver ruta en Google Maps

Descarga o arquivo

Pazo de Gondomar

O rico patrimonio material e inmaterial de Gondomar explícase pola súa situación estratéxica, xa que se atopaba no tramo da importante vía medieval e da Idade Moderna, entre Tui, cidade episcopal, e Baiona, vila de reguengo e principal porto do sur de Galicia nese momento. Explora o Pazo de Gondomar, a cabalo entre unha edificación señorial e unha fortificación militar, para viaxar polas diferentes etapas históricas a través das súas continuas transformacións desde a súa construción entre o século XIV e XV.

Muíños do Folón e do Picón (O Rosal)

Mergúllate nunha contorna dunha gran beleza paisaxística cun total de 57 muíños entre os do Folón e os do Picón. Foron construídos nos séculos XVIII e XIX, aínda que xa existen referencias no século XVII. Coa implantación e a xeneralización do cultivo do millo aumenta a súa produción ata completar un dos conxuntos etnográficos máis importantes de Europa.

Pazo de Mos

Situado a carón da antiga calzada romana que unía Bracara Augusta con Tui e Santiago de Compostela, a súa historia sinala que pertenceu á poderosa Casa de Soutomaior. Non podes perderte a visita ao edificio que era residencia dos Marqueses de Mos, título concedido polo Rei Carlos II a D. Gabriel Sarmiento de Soutomaior no século XVII e con dramático final: foi pasto do lume e destruído polas tropas francesas nos primeiros anos do século XIX.

San Lorenzo de Goián (Tomiño)

A historia desta construción está ligada á da veciña fortificación de Goián, construída xunto a outras ao longo do Baixo Miño para a defensa da fronteira con Portugal. Descubre un dos sistemas defensivos máis complexos de toda a península ibérica, tanto polo volume de arquitecturas que o integraban, con seis fortalezas no lado galego e tres no portugués, como polas súas diferenzas tipolóxicas.

Muíños de Freaza (Fornelos de Montes)

Álvaro Cunqueiro definiu Galicia como “o país dos mil ríos”, cada un deles cos seus diferentes muíños, elementos primordiais do patrimonio etnográfico e testemuñas mudas dunha intensa vida social arredor da que se teceron historias, cantares, ditos populares, danzas… O lugar forma parte da Senda da Fraga do Barragán, xunto a Pazos de Borbén, e atópase moi preto do Monte da Cidade, asentamento histórico que garda multitude de segredos. Descubrímolos?

Convento das Dominicas (Baiona)

Namórate deste edificio levantado no século XVI, como moitas outras casas nobres e relixiosas no século posterior ao descubrimento de América, que tanta transcendencia tivo para Baiona e o sur de Galicia. Nel establecéronse as monxas de clausura da orde das dominicas e forma parte dos edificios máis emblemáticos do conxunto histórico de Baiona.

X