Tui

Propoñémosche unha viaxe no tempo. Desembarca en Tui e percorre as rúas deste municipio de espectacular aspecto medieval, unha das urbes medievais mellor conservadas de Galicia cun barrio histórico-artístico declarado ben de interese cultural en 1968.

Mergúllate nas súas prazas e calellas e descubre as pegadas que alí deixaron diferentes culturas, entre as que destacan as do seu pasado xudeu, exemplo de integración dentro da cidade, onde conviviron cos cristiáns sen que se rexistrasen conflitos sociais durante a Idade Media. A catedral de Santa María é o máximo expoñente artístico da cidade, unha xoia arquitectónica de visita imprescindible pola súa importancia estratéxica como cruce e confluencia de camiños.

Situada nun promontorio rochoso á beira do río Miño, a súa privilexiada situación foi a razón pola que ao longo dos dous mil últimos anos a cidade foi adaptando e transformando a súa imaxe para chegar desde o primitivo Catellum Tude ata a moderna Tui.

Unha privilexiada localización que permite ofrecerlles aos visitantes plans activos cos que descubrir gran parte do seu patrimonio. O contorno do río Miño e o Parque Natural do Monte Aloia son o escenario ideal para gozar de tempo ao aire libre: subir ata o alto do Aloia, cruzar a Portugal camiñando pola ponte de ferro ou pasear pola vila son algunhas das experiencias que non podes perder se estás en Tui. Na túa visita é probable que compartas espazo cos milleiros de peregrinos e peregrinas que cada ano pasan por Tui realizando o Camiño de Santiago Portugués.

 

Non esquezas probar a súa variada gastronomía, na que poderás encontrar pratos da cociña tradicional galega ou propostas máis actuais, sempre ben regadas cun viño da D.O. Rías Baixas. No convento das Clarisas atoparás unha espectacular sobremesa: os peixes de améndoa de orixe sefardí que as monxas elaboran a diario.

Ben comunicada desde distintos puntos de Galicia por unha ampla rede de autoestradas e estradas, tamén podes chegar a Tui desde a cidade lusa de Valença, coa que desde 2012 conforma unha Eurocidade, unha mostra de cooperación e integración entre dous municipios unidos polas dúas pontes que atravesan o Miño.

Tui é, sen dúbida, unha cidade histórica que foi medrando arredor das súas murallas, as rúas medievais, a catedral e o río Miño. Ruamos?

Máis informcación

X