Pedras que falan

As pedras falantes móstrannos parte da historia dos 14 concellos do xeodestino da Ría de Vigo e do Baixo Miño.

Pedras que falan

eurural

Pedras que falan de miles de historias

Onde ver as pedras que falan

Descubre as pedras que falan

Pedras que falan no xeodestino

As pedras, a través dos seus nomes, fálannos de feitos históricos e culturais, do modo de ser e sentir, das súas crenzas e do seu modo de vivir e interpretar o mundo que o rodea ao longo da súa historia.
Galicia está feita de moles graníticas con formas caprichosas, modeladas pola natureza unhas, outras con historias, cultos e ritos que propiciaron que os nosos antepasados as bautizasen con nomes que responden a motivacións de todo tipo, desde as características físicas, o estado en que se atopan, as súas propiedades, a súa funcionalidade ou polo simple afán de buscar unha explicación racional a algo que eles consideraban sobrenatural.
As pedras en Galicia teñen vida e falan, falan dunha realidade que non está escrita, que non está documentada, tan só está pronunciada.
Percorrémolas?

Coto dos Ladróns, serra do Suído (Fornelos de Montes)

Destaca polos abundantes afloramentos, en forma de grandes bolos graníticos, entre os que hai un espazo central aberto e rodeado por abrigos naturais. Antigamente, os ladróns escondían o botín durante o día que, segundo as testemuñas, consistía basicamente en gando roubado.

Pedra Catanga, monte Galleiro (Pazos de Borbén)

O monte Galleiro sobresae como a zona máis alta do municipio e forma unha liña de cumes ao longo de dez quilómetros. Este é hoxe o reino de animais en liberdade, aves rapaces e outras moitas especies. Tamén é un balcón no que o visitante asomarase ás máis extraordinarias vistas da ría de Vigo e a estrañas formas pétreas, como a Pedra Catanga, que ten música e cura a infertilidade, segundo a lenda.

Os afloramentos do Verdugo (Soutomaior)

A escasa distancia da ponte medieval de Comboa atópase un enclave espectacular: a ponte colgante onde se xuntan os ríos Verdugo e Oitavén. Este tramo é navegable, pero o río Verdugo ofrece afloramentos de pedra que con preamar quedan cubertos e poden ser perigosos para as embarcacións: a Pedra do Demo e a Pedra do Rufo son exemplos de topónimos que xorden da sabedoría popular.

A Pedra que Fala, San Martiño de Ventosela (Redondela)

Considerada como máxica, a súa forma e o seu relevo permiten introducirse dentro e falar no seu interior, e escoitar as múltiples reverberacións que produce a nosa voz. Soamente estando preto dela xa é capaz de reproducir as conversas de quen fala ao seu lado. Esta pedra está dentro dunha andaina circular de 10 km chamada Ruta das Pedras.

Campo de Mámoas e Pedra Cabaleira (Mos)

Unha pedra cabaleira é unha roca granítica de tamaño grande que se apoia no chan ou sobre outra, cunha base estreita que lle dá un certo aire de inestabilidade. A súa orixe débese á descomposición diferencial e posterior erosión do granito. Esta pedra atópase no mesmo sendeiro que o Campo de Mámoas de Mos.

O Catabún, Faro de Budiño (O Porriño)

Nunha das cavidades situadas no máis alto do Faro de Budiño, atoparás un gran pedra vertical no medio que, supostamente, servía para golpear as paredes da brecha e así crear un son grave, a modo de campá, que se escoitase en gran parte do Val do Louro. Esta pedra coñécese como O Catabún. Outras lendas din que a brecha deixaba pasar o aire e, cando era moi forte, emitía un estrondoso son que se sentía ata en Tui.

Castro da Pedra Moura (Gondomar)

O seu nome débese a unha pedra que se atopa no seu interior, coñecida como Pedra Moura, á que se lle asocian lendas que falan de seres mitolóxicos e tesouros escondidos. Descubre este castro e, tamén, fortaleza formaba parte do conxunto de atalaias, como o desaparecido castelo de Santa Helena, o monte Galiñeiro cos seus restos fortificados, o monte Aloia…

Punta da Serra, Monteferro (Nigrán)

Grandes sorpresas agárdannos neste punto de Nigrán. A costa sur da península de Monteferro componse de rocas graníticas, mentres que no seu lado norte o xisto é a roca máis presente. A erosión nestas últimas presenta formas dentadas e afiadas. Trátase dun pequeno entrante de terra no mar, de 19 metros de altura, desde onde poderemos observar con detalle a costa norte de Monteferro ata a punta Lameda.

A Pedra que Bole, cabo Silleiro (Baiona)

Está nun tramo de costa que se caracteriza polo seu trazado rectilíneo ata A Guarda, con tan só pequenos entrantes. En toda esta zona ten grande importancia o desenvolvemento de plataformas litorais que actualmente funcionan como acantilados activos e son museos xeolóxicos. A continua actividade mariñeira nestes lugares achegou unha gran cantidade de topónimos, con referencias sonoras significativas.

A Cabeciña (Oia)

Para observar os petróglifos da Cabeciña terás que achegarte ao exterior do mesmo castro. Atoparalos nunhas laxas graníticas que presentan algunhas particularidades, xa que hai varias rocas que posúen formas zoomorfas debido á erosión. Entre todas elas destaca unha que se asemella a unha gran cabeza e, xusto detrás dela, sitúanse os gravados sobre dúas laxas.

O Seixal (A Guarda)

Na senda litoral que une o porto pesqueiro e a desembocadura do Miño atoparás O Seixal, un fermoso espazo natural onde se concentran os seixos ou cantos rodados de tamaño pequeno que se foron formando pola erosión da forza do mar e, desde sempre, foron empregados para a arquitectura tradicional. A poucos metros hai unha salina romana de gran relevancia que amosa a vinculación do mar cos habitantes da Guarda ao longo dos séculos.

Monte Real (O Rosal)

No monte Real sitúase a ermida da Madalena, un pequeno templo que te recibirá cunhas impresionantes vistas ao Miño. Da arquitectura da igrexa destaca especialmente a súa base, construída directamente sobre a roca, unha característica excepcional que podería indicar un culto pagán anterior. A capeliña atópase na coroa dun castro que se asenta, como é habitual neste tipo de recintos da Idade de Ferro, nunha zona de importante control visual do territorio.

Pedra Furada (Tomiño)

En plena serra do Argallo, moi preto do santuario de San Campio de Lonxe, poderás atopar un conxunto de rocas que adoptan as formas máis inverosímiles. A Pedra Furada é unha roca perforada pola acción do vento e a choiva ao longo de milleiros de anos. A zona forma parte da banda de xisto de Monteferro-O Rosal que se prolonga ata Portugal.

Cama de San Xiao, monte Aloia (Tui)

Sube ata o cumio do monte Aloia, en Tui, para descubrir esta rocha situada preto da ermida dedicada ao mesmo santo. Chámase Cama de san Xulián, ou Xiao, porque se asegura que foi sobre esta pedra onde repousou o corpo sen vida do devandito santo. Quen se deite sobre ela apoiando a cabeza remedia enfermidades, como as xaquecas e as dores nas cervicais.

X