O noso territorio

Adentrarse no xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño significa gozar do mar e da montaña, da costa e do interior, de espectaculares areais e incribles cumios, de vibrantes zonas urbanas e localidades con encanto… Calquera plan que che apeteza, atoparalo no noso territorio. Nos catorce concellos do suroeste da provincia de Pontevedra que o integran agárdanche tesouros inimaxinables, grandes aventuras e experiencias que non quererás perder.

Entre o azul e o verde descubrirás un patrimonio de interese histórico e artístico único, pero tamén un inmenso legado inmaterial co que mergullarse nos costumes galegos. Respira o aire ancestral dos máis de sesenta bens de interese cultural (BIC) do territorio, entre os que atoparás illas con historia, castros, castelos, fortalezas, xacementos arqueolóxicos…

Explora a nosa gran variedade de recursos naturais, namórate das vistas que ofrecen os nosos miradoiros e goza dun clima suave os doce meses do ano. Déixate seducir polas nosas innumerables festas gastronómicas, etnográficas… ou pola grande oferta cultural para grandes e pequenos. Saborea as nosas propostas de enoturismo e enogastronomía, percorre camiños e carreiros polos nosos montes, polos nosos ríos, pola nosa costa; descubre o Camiño de Santiago gozando de cada recuncho das rutas que pasan polos nosos concellos, máis de 115 km de peregrinación en territorio do xeodestino…

Achegámosche mil e unha alternativas nun enclave estratéxico. A nosa situación xeográfica convértenos nun territorio único, con acceso ás principais vías da comunidade e con tres aeroportos nun raio de 150 km. Ademais de Peinador, situado no propio ámbito do xeodestino, a apenas 80 km de Soutomaior está o aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela) e a 120 km de Tui, o de Sá Carneiro (O Porto). Esta proximidade co país veciño é parte intrínseca do territorio, que mantén unha estreita relación co norte de Portugal desde tempos inmemoriais. Se queres vir desde a Meseta, o coche será un grande aliado, xa que só nos separan 550 km de Madrid.

O paraíso está aquí. Atréveste a coñecelo?

Comarcas

Concellos

X