Miradores de Turonio

Coñece os miradoiros de turonio

Os miradoiros de Turonio son lugares onde gozar de espectaculares vistas sobre o xeodestino da Ría de Vigo e do Baixo Miño.

Miradoiros Turonio
Nos miradoiros de Turonio, atopa as rutas polos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Redondela, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán, Baiona, Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.

Camiña polos miradoiros de turonio

Deste xeito, cos miradoiros de Turonio coñecerás a todos os concellos do xeodestino.

Onde están os miradoiros turonio?

eurural.org

Cales son os puntos de vista turonio?

Goza dos miradoiros de turonio

Unha imaxe vale máis que mil palabras, máis se se contempla dende os nosos miradoiros. Unha paisaxe que se queda gravada na retina dos visitantes, que o namora do noso territorio e da nosa historia.
Desde o primeiro lustro de nosa era existía unha comarca no suroeste de Galicia que se coñecía como Turonium. A súa extensión era bastante grande e comprendía, segundo os poucos indicios existentes, as comarcas do Baixo Miño, o Val Miñor e a de Vigo. Pénsase que a capital podería estar nos montes de Oia ou nos seus arredores, aínda que tamén hai quen di que se situaría onde hoxe temos a cidade de Tui ou no monte Aloia.
Moitos son os restos de castelos que quedaron na provincia de Pontevedra, castelos que defendían os vales e os camiños desde altos miradoiros onde se avistaba unha gran panorámica. Uns atopábanse no interior da provincia para dominar os vales e outros, en montes rochosos sobre a costa para vixiar as incursións por mar.
Este é un percorrido por estes miradoiros desde os que, na actualidade, contemplamos algunhas das vistas máis fermosas das Rías Baixas e que, hai dous mil anos, eran castelos que vixiaban unha das portas de entrada do comercio máis concorridas da península ibérica.

Castro de Airoa, Serra do Suído (Fornelos de Montes)

Xunto á Airoa, na parroquia da Laxe de Fornelos de Montes, atoparaste unha lomba de forma piramidal ata os 653 metros sobre o nivel do mar. Desde o alto dominaremos unha fermosa vista destes vales, aínda que o máis significativo deste lugar é que hai máis de dous mil anos o montículo serviu de base para un poboado castrexo.

Miradoiro do Santo Aparecido (Pazos de Borbén)

O río Borbén forma un gran val que se esconde entre a serra do Galleiro e os montes de Festín. Preto da poboación de Borbén, localízase o monte da Berra, de 499 metros. Nunha das súas ladeiras ábrese este fantástico miradoiro do Santo Aparecido.

Monte da Peneda – Castelo de Castrizán (Soutomaior)

Este monte foi, desde tempos afastados, ocupado por diversos asentamentos, entre os que destacan un antigo castro e o castelo de Castrizán. Ademais da visión de gran parte da enseada de San Simón, divísase a entrada da ría de Vigo e boa parte das súas ribeiras, coas illas Cíes ao fondo.

Alto da Cabaleira (Redondela)

Seguindo o trazado do Camiño de Santiago portugués ao seu paso por Redondela, chegamos ao monte coa mellor perspectiva frontal da ría de Vigo, o Alto da Cabaleira. Un miradoiro privilexiado desde o que se contempla toda esta ría e o val do río Verdugo.

Castelo de Mos

Para coñecer o Castelo de Mos terás que achegarte ao Galleiro, xusto nos límites dos concellos de Mos e Ponteareas. Dende el vixiábanse os posibles ataques procedentes do interior. Moitos montes onde se poden atopar restos de fortalezas ou castros tamén servían para dar acubillo aos habitantes das zonas de influencia fronte aos invasores.

Faro de Budiño (O Porriño)

A súa situación estratéxica serviu para que este enclave estivese habitado desde tempos remotos. Desde a Baixa Idade Media, pasando polas guerras feudais ata chegar á invasión francesa, o lugar foi punto estratéxico e de gran valor para a comarca.

Auga da Laxe, O Galiñeiro (Gondomar)

O petróglifo da Auga da Laxe, coñecido polos vellos como a Pedra das Procesións, conta con 26 armas prehistóricas esculpidas. Este impresionante conxunto de petróglifos sitúase a poucos metros dos maxestosos penedos do monte Galiñeiro que, xunto ao monte Aloia e a fortaleza do Faro de Budiño, vixiaban a corredoira desde o Miño ata o interior da provincia da Coruña.

Monte do Castro (Nigrán)

Na parroquia de Chandebrito, no concello de Nigrán, sitúase, a 331,7 metros sobre o nivel do mar, o chamado monte do Castro, tamén coñecido como monte das Cruces. Aínda que na actualidade tamén é un gran miradoiro á ría de Vigo, estarás ante un dos castros máis antigos de Galicia.

O Cortelliño, serra da Groba (Baiona)

Situado no camiño do alto da Groba, desde alí poderás contemplar a boca da ría de Vigo cunha perspectiva diferente das illas Cíes. Ademais de por esta espectacular paisaxe, a Groba é coñecida por outros aspectos da vida e da arte, xa que posúe unha das concentracións de rocas gravadas máis numerosa de Galicia.

A Pedreira (Oia)

Oia dispón de centos de descubrimentos arqueolóxicos entre castros, castelos e petróglifos, algún deles antre os máis singulares de Europa. Moitos investigadores afirman que os seus montes, pola súa situación determinante entre a costa e o interior, constituían o gran conxunto defensivo de Turonio e do comercio marítimo da zona. O espazo arqueolóxico da Pedreira poderiamos definilo como un miradoiro-santuario.

Monte Santa Trega (A Guarda)

Aquí estarás ante un miradoiro natural ao esteuro do Miño, Portugal, ao val e ao océano Atlántico. Esta excepcional localización, a pe de mar e da desembocadura do Miño, foi a que fixo prosperar ao Castro de Santa Trega, un dos máis habitados de Galicia e datado, polo menos, desde o século IV c.C.

Niño do Corvo, o miradoiro de Cabezo Gordo (O Rosal)

Nos límites dos concellos do Rosal e de Tomiño localízase unha serie de pequenas montañas a unha altura duns 300 metros, a serra do Argalo. Trátase dun lugar estratéxico para poder observar marabillosas vistas, cunha panorámica que sorprende a todos os visitantes. Un destes montes chámase Niño do Corvo e cara ao sur atópase o Cabezo Gordo.

Monte Tetón (Tomiño)

Este monte divide os concellos de Tomiño, Tui e Gondomar. A súa cima elévase ata os 474 metros e desde ela divísase boa parte do Val Miñor e do Baixo Miño. Visítao e sorpréndete coas súas ladeiras, que albergan uns dos conxuntos de petróglifos máis significativos e importantes do suroeste de Galicia.

Monte Aloia (Tui)

Neste parque o visitante non só pode desfrutar do patrimonio natural do territorio, senón tamén dun magnífico patrimonio histórico e cultural. A pegada do ser humano atópase neste lugar desde hai 20 000 anos e déixanos importantes achados e restos arqueolóxicos, como o castro do alto dos Cubos ou os restos do alto de san Xiao, así como da enigmática muralla ciclópea que rodeaba este cumio.

X