Vive o patrimonio natural e cultural de Tomiño. Déixate sorprender pola súa arte, a súa natureza, a súa gastronomía, a súa arquitectura… percorrendo calquera das súas infinitas rutas, nas que as paisaxes máis fermosas se unen coa historia.
Sigue a senda do Miño ata a praia fluvial de Goián e descubre o Espazo Fortaleza, un dos enclaves fortificados mellor conservados da fronteira húmida. Trátase dun espazo diferente, que deseñou o arquitecto Pablo Gallego Picard, distinguido con importantes premios de arquitectura, urbanismo e paisaxe.
Non é o único achado arquitectónico desta localidade. Ao longo das súas rúas poderás encontrar numerosos exemplos de arquitectura indiana, construcións sobre todo de finais do século XIX e principios do XX financiadas por emigrantes que volvían de América con aforros e fortuna. Escolas, casas consistoriais, vivendas particulares, palcos de música… son testemuñas do progreso económico, educativo, social ou agrícola que estes emigrantes achegaron á súa terra natal, á que se sentían moi unidos.
Cruceiros, petos de ánimas, muíños, pontes medievais feitas con sabedoría popular… únense a outro tipo de arquitectura civil, militar e relixiosa, como o pazo barroco Casa Forte dos Correa en Goián ou as numerosas igrexas parroquiais orixinarias do século XII que aínda conservan moitos elementos románicos.