Mos

Prepárate para coñecer Mos, terra de muíños, todos eles cheos de historia e de historias. Algúns con máis de 300 anos de antigüidade, outros máis recentes, pero todos en lugares de gran beleza. Pero non só ofrece natureza.

Mos tamén é cultura, patrimonio e arquitectura, como demostra o pazo dos marqueses de Mos, construído no século XVII e no que xa se encontra o escudo da Casa de Mos, que no XIX dá orixe ao actual emblema municipal.

Pasea polas súas rúas para trasladarte aos séculos XI e XII coas súas igrexas de estilo románico ou visita o castro de Torroso, situado nun lugar privilexiado, abríndose a modo de anfiteatro cara ao sur e protexido polos montes do Galleiro e a serra do Galiñeiro. Cerca do xacemento encontrarás abundantes mananciais e cursos de auga.

Percorre as numerosas rutas que ofrece esta localidade: o sendeiro do monte Salgueirón, con formacións vexetais autóctonas, altas montañas de rochas espidas e aldeas dispersas; a ruta dos muíños, cargados de beleza e historia; ou o sendeiro dos dolmens, con máis de 15 pezas megalíticas. E, como non, do tramo do Camiño de Santiago portugués que atravesa Mos.

Iso sen esquecer as súas numerosas festas, que alegran o espírito e o estómago de todos os visitantes. A Festa da Prehistoria e a Festa da Rosa, coa que se enxalza a Rosa dos Quirós, marqueses dos que se herdou o emblema da localidade, dan paso ás marabillas gastronómicas que poderás degustar nas festas da empanada e do pan de millo, do codillo, do polbo, do rabo e a orella de porco…

Facemos unha escapada?

Máis información

X