O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través da ollada de quen aposta polo turismo no territorio

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través da ollada de quen aposta polo turismo no territorio

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través da ollada de quen aposta polo turismo no territorio

Presentou en FITUR ‘Vivir experiencias, compartir territorio’, unha campaña protagonizada por persoas reais que co seu traballo diario conquistan ás e aos visitantes

Durante a presentación sorteáronse catro experiencias para grupos entre o público, sorteos que continuarán durante todo o mes de febreiro a través das redes sociais

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño visto a través da ollada daquelas persoas que traballan a cotío para facer do territorio un destino turístico amable, único, complementario e de gran calidade. Ese é o fío condutor de ‘Vivir experiencias, compartir territorio’, a nova campaña que o xeodestino presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, un dos principais encontros do sector turístico de Europa e no que xa leva participando cinco anos consecutivos.

Unha campaña que conquistará ao público polos sentidos e o corazón protagonizada “por persoas reais que co seu traballo diario nos axudan a desenvolver experiencias que non deixan indiferente a ninguén. Unha campaña que ven acompañada de moitas sorpresas para que poidades desfrutar do noso destino con nós, porque queremos que vivades experiencias e queremos compartir con todas e todos vós o noso territorio”, salientou durante a presentación Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño.

Da man de Rubén Adrover, patrón maior da Guarda e representante da Asociación Cultural de embarcacións tradicionais Piueiro; Ana Vázquez, propietaria de Alecrín actividades y aventura; Berto Fernández, de Guías Galaicos; e Inés González, de Enoturismo Terras Gauda, o público presente achegouse ao día a día de todas e todos aqueles profesionais do territorio que traballan para ofrecer produtos turísticos “de calidade, con exquisito detalle, personalizados e coa garantía de que sorprenderán e deixarán pegada en cada persoa”.

“Son persoas reais, apaixonadas polo seu traballo, polo seu territorio e para as que compartir as súas experiencias con todas aquelas persoas que nos visitan non supón sacrificio ningún. Rubén, Ana, Inés, Berto… elas e eles son os verdadeiros protagonistas polo excelente traballo que fan poñendo en valor os nosos recursos locais, creando redes e ofrecendo ás e aos turistas e visitantes a mellor versión de nós”, destacou Cristina Correa, representante institucional do Xeodestino e alcaldesa de Oia.

Pola súa banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, asegurou que “falar das Rías Baixas é facelo de calidade. Temos unha extensa oferta turística e cultural aínda por explotar, con moitos concellos que teñen moito que dicir e que contan con atractivos tan diferentes entre si como fascinantes. O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño conxuga a súa alma atlántica co seu apego ao río. Un territorio diverso, descoñecido, capaz de ofrecer mar e montaña, que sumado á hospitalidade da súa xente e o seu patrimonio fan del un destino turístico incomparable”. Agustín Reguera, delegado provincial da Xunta de Galicia en Pontevedra, resaltou ante o público asistente que “Galicia está de lugares que visitar e coñecer e todos teñen características que nos fan únicos e atractivos. As persoas que vivimos nestas zonas somos perfectamente conscientes da sorte que temos e estamos desexando compartir a nosa terra con todas e todos vós”.

A presentación rematou con sorpresa, xa que este ano o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quixo dar un paso máis na súa campaña para saír do recinto de FITUR e sorteou entre o público asistente catro experiencias turísticas para grupos de ata 6 persoas. Durante o mes de febreiro nas redes sociais de Eu Rural e do Xeodestino haberá novos sorteos de sobres sorpresas para animar ás e aos visitantes a desfrutar do territorio.

A presentación tamén contou coa presenza das alcaldesa e alcaldes do territorio Roberto Álvarez Carrero, da Guarda; Paco Ferreira, de Gondomar; Juan González, de Nigrán; Alejandro Lorenzo, do Porriño; Ánxela Fernández, do Rosal; Luciano Otero, de Pazos de Borbén; Digna Rivas, de Redondela; e Manu Lourenzo, de Soutomaior, así como dos concelleiros e concelleiras Sheila González, de Baiona; Sara Cebreiro e Julia Loureiro, de Mos; Ana Vázquez, de Tui; Fernando Reyes, da Guarda; Rocío Goberna, de Gondomar; Vanessa Ucha, do Porriño; José Carlos Martínez Crespo, do Rosal; Rita Pérez, de Redondela; e Silvia Cernadas, de Soutomaior.

Ao acto tamén asistiron numerosas autoridades, como a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; ou o director do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.



X