O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño pon en marcha un programa de formación en creación de experiencias turísticas

Serán 20 horas de formación presencial e en liña do 16 ao 30 de outubro. Para participar é preciso realizar inscrición previa

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño pon en marcha un programa de formación en creación de experiencias turísticasO Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa apostando pola formación para potenciar uns produtos e experiencias turísticas marcados por elementos diferenciais e de calidade. Do 16 ao 30 de outubro, organizará un programa de formación en creación de experiencias turísticas que ten como principal obxectivo mellorar as competencias dos equipos humanos das empresas turísticas do territorio para o deseño e creación de iniciativas que aproveiten o potencial dos activos do territorio e que logren un maior impacto emocional nas persoas que as consumen.

As accións formativas serán gratuítas e terán 20 horas de duración en oito sesións, das que dúas serán presenciais e seis en liña. O curso comezará 0 16 de outubro na Axencia de Colocación de Mos de 16.00 a 20.00 horas achegando a todas as persoas participantes as diferentes fases do proceso de creación de experiencias turísticas.

Nos seguintes días as sesións serán en liña a través de Zoom. Así, os días 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de outubro de 18.00 a 20.00 h, abordaranse cuestións como a cooperación empresarial, a diferenciación competitiva, a tecnoloxía e experiencias turísticas, o cálculo de custos e prezos, a comunicación e comercialización e o servizo de atención ao turista. O programa pecharase cun taller práctico tamén en Mos o 30 de outubro de 16.00 a 20.00 horas no que as empresas participantes aproveitarán os coñecementos adquiridos para conformar paquetes turísticos.

O programa formativo contará con 25 prazas e para a súa participación nel é preciso solicitar a inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo formacion@riadevigobaixomino.gal co asunto ‘Inscrición formación experiencias’ e indicando nome e apelidos, nome da empresa, cargo, teléfono, enderezo electrónico, actividade principal da empresa e produtos ou servizos que comercializa.



X