O Xeodestino une a empresas turísticas e sector primario para xerar sinerxías

O Xeodestino une a empresas turísticas e sector primario para xerar sinerxías

Xa están abertas as inscricións para participar nestes workshop que se celebrará o 15 de novembro ás 19 h na Finca Remesal de Tui

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa a dar pasos para potenciar uns produtos turísticos diferenciados e de calidade. Neste camiño, o vindeiro luns 15 de novembro organizará unha xornada de traballo en rede co obxectivo de poñer en contacto ás diferentes empresas turísticas co sector primario dos 14 concellos do xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) de cara a impulsar sinerxías que faciliten a creación de novos produtos turísticos e a promoción do territorio como destino. O encontro será ás 19.00 horas na Finca Remesal, situada en Tui.

Neste taller, as empresas participantes terán aproximadamente unha hora na que poderán establecer contactos comerciais con outros operadores turísticos do xeodestino, favorecendo así as colaboracións. Tamén poderán achegarse ademais a outras empresas do sector primario, tentando abrir así espazos para artellar novas experiencias turísticas. Un encontro no que ir coñecéndose para crear alianzas que dean forma á Ría de Vigo e Baixo Miño como destino turístico. Tras o workshop servirase un cocktail de degustación amenizado cunha actuación musical no que as persoas participantes poderán seguir intercambiando impresións.

As persoas e entidades interesadas en participar poderán inscribirse a través do formulario web habilitado. Pódese solicitar máis información no teléfono 635 814 728.



X