Eu Rural e Turismo de Galicia asinan o convenio para desenvolver a ‘Despensa de Galicia’ do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Eu Rural e Turismo de Galicia asinan o convenio para desenvolver a ‘Despensa de Galicia’ do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) aglutina accións clave para a transformación do modelo turístico do territorio baseándose no potencial da enogastronomía

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño avanza na execución do seu Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, Sandra González, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, asinaron o convenio para a execución da ‘Despensa de Galicia’, un plan que aglutina accións clave para a transformación do modelo turístico do territorio baseándose no potencial da enogastronomía.

A través deste plan de acción investiranse 1,5 millóns de euros en iniciativas nos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) no marco do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo financiado pola Unión Europea a través de fondos Next GenerationEU.

A presidenta de Eu Rural, Sandra González, salientou que “é unha gran satisfacción acadar este novo logro para o noso Xeodestino, un logro froito de deixar de pensar en local para actuar como un todo”. Este plan estratéxico trátase dun proxecto que axudará a dinamizar e adaptar o sector turístico do territorio ás novas necesidades cunha planificación estratéxica que incide naquelas intervencións con capacidade para mellorar o sector e facelo máis competitivo, con actuacións transformadoras e de calado suficiente para converter ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino sostible, innovador, competitivo e tractor dun turismo de alto valor baseado na calidade e na sostibilidade.

O PSTD contempla a posta en marcha de diferentes iniciativas centradas en catro eixos de actuación. Para unha transición verde, o plan impulsará intervencións de rexeneración de espazos de gran valor ambiental, a rehabilitación de infraestruturas turísticas para a súa adaptación ao cambio climático, a mellora da xestión de residuos nas festas gastronómicas ou a creación dunha rede de miradoiros. Nese camiño de sostibilidade e para afondar na eficiencia enerxética, ao abeiro do plan crearanse itinerarios cicloturistas na contorna de recursos gastronómicos, reforzarase a rede de sendeiros homologados e acometeranse proxectos de iluminación monumental de elementos significativos do patrimonio histórico do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Buscando a dixitalización do destino turístico, levaranse a cabo accións para enriquecer e mellorar a interpretación do patrimonio material e inmaterial vinculado á enogastronomía e adoptaranse solucións intelixentes para a mellora da sinalización turística. Ademais, o PSTD pretende canalizar esforzos cara ao sector privado buscando unha maior competitividade e consolidando o turismo como motor do desenvolvemento económico, polo que apoiará aos elos da cadea de valor máis vinculados coa enogastronomía para a súa transformación e para a incorporación da innovación nos seus procesos, co obxectivo de poñer en valor a cociña e os produtos locais. Isto completarase cunha actuación específica de turismo industrial, que fomentará a creación de rutas e experiencias arredor de elementos do patrimonio enogastronómico do territorio.



X