O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño avanza na posta en marcha de catro proxectos do PSTD

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño avanza na posta en marcha de catro proxectos do PSTD

Alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras perfilaron os primeiros pasos a dar para levar a cabo iniciativas relacionadas coa transición verde e dixital e coa competitividade

As iniciativas estarán centradas na xestión dos residuos en festas gastronómicas e na sinalización intelixente de recursos, na creación de contidos dixitais e na axudas a empresas do sector enogastronómico

 

‘A despensa de Galicia’ do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño bota a andar. Alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 13 municipios do territorio que forman parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) mantiveron un encontro este mércores en Tomiño para perfilar as primeiras accións que se porán en marcha ao abeiro deste plan que busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía.

A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presidiu a reunión, que contou coa participación de Paco Ferreira, rexedor de Gondomar; Juan A. González, alcalde de Nigrán; Ánxela Fernández Callís, rexedora do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén; e cos concelleiros e concelleiras Fernando Reyes, da Guarda; Sheila González, de Baiona; Rocío Goberna, de Gondomar; Julia Loureiro, de Mos; e Rita Pérez, de Redondela.

Catro proxectos e tres eixos

Durante o encontro, os representantes municipais deron luz verde a catro proxectos encadrados en ‘A despensa de Galicia’ e cos que se levarán distintas accións a diferentes concellos do territorio. Así, encadrado dentro da liña de transición verde e sostible, comezarase a traballar na creación dun plan de xestión de residuos con varias medidas de economía circular nas festas gastronómicas de interese turístico.

Dentro do eixo relacionado coa transición dixital, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño comezará a dar xa os primeiros pasos en dous proxectos distintos: por un lado, a implantación de sinalización intelixente para achegar información ás persoas que visitan o Xeodestino, e, por outro, a creación de contidos dixitais vinculados coa enogastronomía local, ao abeiro do que se poderá incorporar novo material gráfico e audiovisual, actualizar a web ou deseñar un mapa interactivo e visitas virtuais 360º.

Por último, xa dentro do ámbito da competitividade, alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras aprobaron deseñar unha liña de axudas ao tecido empresarial para impulsar a enogastronomía de destino, apoiando a transformación e incorporación de innovación nos procesos e facilitando un salto cualitativo de toda a cadea de valor enogastronómica do Xeodestino.

No marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado por fondos Next GenerationEU da Unión Europea, ‘A despensa de Galicia’ contempla un investimento de 1,5 millóns de euros no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. O plan convértese así nunha oportunidade única para financiar actuacións transformadoras e de calado suficiente como para converter a Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino sostible, innovador, competitivo e rendible co que atraer a un turismo de alto valor engadido ao tempo que se apoia á economía local e se aposta polo desenvolvemento do territorio, do patrimonio, da cultura, da profesionalidade do sector, da promoción e da dinamización conxunta.

Presentación do plan antifraude

Durante o encontro, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural presentou aos concellos o pioneiro plan antifraude posto en marcha, unha iniciativa destinada á prevención de riscos de xestión e medidas para loitar contra a fraude que permitirá establecer un sistema de control interno deseñado para previr, detectar e tomar medidas contra calquera posible actuación fraudulenta. O plan contará cunha Comisión Antifraude presidida pola concelleira de Mos, Julia Loureiro, que se reunirá de forma regular semestralmente ou de forma extraordinaria en caso de precisalo.

Por outra banda, os representantes municipais abordaron o convenio de colaboración entre Eu Rural e os concellos do territorio que permitirá artellar a xestión do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, fixando as principais liñas de colaboración, así como a coordinación para a xestión das actuacións correspondentes que se financiarán cos fondos europeos Next GenerationEU e o financiamento dos custes non elixibles.



X